miércoles, 30 de diciembre de 2009

A Selección de Portugal campiona do II Torneo de Nadal Concello do Grove

Esta mañá rematou a segunda edición do Torneo de Nadal de Baloncesto Concello do Grove que se levou de forma contundente a Selección de Portugal cadete. Os portugueses lograron vencer os tres encontros disputados e non deron opcións aos seus rivais. A Selección Galega e o CD San Agustín ocuparon a segunda e terceira praza respectivamente. O combinado do CB Grove, anfitrión do torneo, ocupou a última praza. Os concelleiros Carlos Álvarez e Jorge Olleros entregaron os respectivos trofeos.

Texto: J. Otero | Fotos: M. Muñiz todogrove

Remataron dous días de baloncesto no pavillón municipal Monte da Vila. Dous días porque a meteoroloxía obrigou a suspender a primeira xornada e trasladala á mañá do martes. E a piques estivo de non celebrarse o Torneo, pero grazas ao esforzo da organización para combater a humidade, si se puido disputar. Durante boa parte da noite do luns e o martes, os membros do CB Grove cubriron a pista do polideportivo con papel de periódico, o que evitou a condensación e ás 10.30 horas puidese comezar o primeiro enfrontamento.

A Selección de Portugal logrou impoñerse a todos os seus rivais sen complicación, mostrando a súa superioridade. Na primeira xornada, os portugueses acadaban un 84-63 ante o equipo madrileño do colexio San Agustín. O duelo estelar ante a Selección Galega, na segunda xornada, tampouco foi complicado para os lusos, que cun 72-63 sumaban a segunda vitoria e adxudicábanse o Torneo a falta dun encontro. A pesar de ter gañado xa o título, a selección de Portugal non baixou o nivel ante o combinado do CB Grove, 57-80. Os anfitrións tiveron que conformarse co último posto do campionato a pesar de dar unha boa imaxe en todos os seus encontros. No primeiro, os grovenses a piques estiveron de dar a sorpresa, pero sucumbiron ante a Selección Galega por 58-63. Tampouco o tivo moi sinxelo o San Agustín para derrotar aos grovenses. Os madrileños lograron darlle a volta ao marcador adverso do primeiro cuarto e lograron a vitoria por 6 tantos (77-83).

Co título xa adxudicado, quedaba saber que equipo lograría o subcampionato e cal ocuparía o último peldaño do podio. Finalmente foi a Selección Galega a que, tras un vibrante encontro (85-61), se situaría segundo, relegando aos madrileños a terceira praza.

O Tenente Alcalde e o concelleiro de Turismo, realizaron a entrega de trofeos aos equipos participantes e ao mellor xogador do torneo que recadou nas filas da Selección de Portugal.

Cadro final do torneo

Posto

Equipo

PX

PG

PP

CF

CC

Ptos

Selección Portugal

3

3

0

236

183

6

Selección Galicia

3

2

1

211

191

5

CD San Agustín

3

1

2

207

246

4

Combinado CB Grove

3

0

3

192

226

3



2 comentarios: